Thursday 02 de May de 2024

O Mercado de Nadal de Moeche, sitio ao que hai que ir para aprovisionarse de cara ás festas


Este sábado 16 de decembro

O mercado modestino dos sábados ofrecerá na xornada de mañá sábado grande variedade de produtos frescos e elaborados, artesanía e outros artigos propios destas festas. Ás portas do Nadal, na nave principal de San Ramón atoparemos todo o necesario para que non falte de nada nas mesas, incluso peixes e mariscos que se poderán encargar na peixaría reaberta recentemente. Porén, o mercado tamén nos brindará varias actividades paralelas e sorteos. A escusa perfecta, en definitiva, para vir dar unha volta a Moeche.

Durante toda a mañá as nenas e nenos terán obradoiros para se entreter, como por exemplo un de tatuaxes que desaparecen ao cabo duns días e outro para facer árbores, estrelas e outros obxectos decorativos do Nadal.

Ademais, o Grupo de Participación Infantil do CLIA de Moeche ten preparada unha actividade con cubos de Rubik que durará aproximadamente dúas horas, divididas en catro sesións de 30 minutos para grupos duns oito nenos e nenas.

Sobra dicir que nesta cita, a última de 2023, o mercado estará cheo de postos cargadiños de mercadoría de calidade para encher as mesas, para decorar a casa ou para aprovisionarse de agasallos.

Ademais dos habituais do mercado, confirmaron a súa asistencia Chocolates Moreno, Mel das Grañas, Lácteos Moeche, a queixaría Don Gabino, Embutidos Suarna, Galifreixós e, no caso da artesanía, Elisa Rojas, Luisa Felgueira, Tecrima, Ana y Marcus, Mimiños Creacións, Carpintería Penedo de Taramundi, Taller de Artes Comeluz ou a Asociación de Torneiros das Pontes, en espera de que nestes días confirmar os últimos expositores.

O Mercado de Nadal de Moeche abrirá as súas portas a iso das 10:00h. Quen faga algunha compra recibirá unha papeleta para participar nos sorteos de lotes de produtos que se celebrarán sobre as 14:30h, xusto antes do peche da feira.

Acendido da iluminación de Nadal en San Xurxo
Xa pola tarde, a partir das 17:00h, a asociación veciñal Val de Moeche volverá xuntarse no local social do Pereiro para o tradicional prendido das luces de Nadal. Haberá chocolatada e música, coa actuación dos grupos de cantos de taberna de Moeche e das Pontes.